Doble xuízo polas agresións á presidenta das mariscadoras de Vilanova

    VILANOVA > A presidenta da agrupación de mariscadoras a pé de Vilanova, Evangelina Lago, asiste a dous xuízos por agresións. Nun denunciara ós Chumbas por unha paliza na praia do Pacheco e o outro foi contra María Doval, unha ex mariscadora que a agrediu cunha porra ás portas da confraría.
    En pisos separados, para evitar novos enfrontamentos, esperaban os denunciados e os denunciantes pola agresión á presidenta das mariscadoras de Vilanova. Evangelina Lago denunciou a María Doval, outra ex mariscadora, por darlle cunha porra na cabeza cando a presidenta se atopaba nunha discusión cos mariscadores a flote. Lago asegura que estivo inconsciente case tres cuartos de hora e ademais ten un parte de lesións do Hospital do Salnés que acredita a agresión denunciada. Evangelina asegura que as ameazas son constantes e mesmo volveron estes días por mor do xuízo.No xuízo tamén compareceron varios membros da agrupación de mariscadores a flote que denunciaron a un fillo de Evangelina por agresións e ameazas o mesmo día que ela foi agredida por María Doval. A presidenta asegura que o fillo perdeu os nervos cando se enterou do que lle fixeran a ela e por iso reaccionou así. Hai que ter en conta que non foi a única agresión que sufriu Evangelina. Precisamente hoxe celebrouse tamén o xuízo polo intento de atropelo por parte dos Chumbas en decembro de 2.002 que deixou a Evangelina postrada durante varios días. Tras un enfrontamente con varios fillos que mariscaban de xeito furtivo, o pai seguiuna co coche e tentou atropelala acadándoa co retrovisor e deixándoa tamén inconsciente na estrada. Agora haberá que espera-la sentencia dos dous casos. Redacción Salnés