Forzas políticas e sociais únense na campaña ‘panos brancos contra a droga’

    VILAGACÍA > Ás doce da mañá do mércores as igrexas de toda Galicia chamaban os cidadáns co repique de campás. No mar os barcos daban o aviso coas bucinas e en Vilagarcía, a Fundación Galega contra o Narcotráfico chamaba ós cidadáns a sumarse a campaña ‘panos brancos contra a droga’ que se iniciou cunha gran marcha polas rúas da cidade na que estiveron representadas tódalas capas da sociedade.

    panosbrancos_300_080206.jpgO trafico ilícito de drogas está producindo moi graves consecuencias en España e máis concretamente na Comarca do Salnés, unha zona onde a situación é crítica aínda que non se vexan xa planadoras ou grandes operativos policiais. Deste xeito a Fundación Galega contra o Narcotráfico chamou á sociedade a loitar unida contra esta lacra coa campaña ‘panos brancos contra a droga’ que deu comezo en Vilagarcía.

    Centos de persoas esperaban as doce da mañá na praza de Galicia da cidade para escoitar o manifesto que daría a saída a unha marcha polas rúas vilagarciás na que participaron todos os estamentos da sociedade. A continuación, todos se encamiñaron ó longo das rúas vilagarciás utilizando por primeira vez en España un símbolo de protesta: panos brancos. Deste xeito comezaba a marcha cos representantes dos alumnos de educación primaria que portaban unha gran pancarta co lema da campaña: panos brancos contra a droga.

    A bandeira foi trasladándose a través das rúas de Vilagarcía ós alumnos de ensinanza secundaria, ós representantes dos estudantes universitarios, ós representantes dos pais e, como non, dos avós e mestres. Foi a comunidade escolar a encargada de pasar o relevo ós representantes parlamentarios que a súa vez o trasladaron os representantes da cultura e o deporte. A marcha continuouse cos representantes do mundo da economía e a banca, das asociacións sindicais, as confrarías de pescadores e as amas de casa.

    Os medios de comunicación tamén colleron o seu relevo para pasalo ós representantes da igrexa. Os corpos de seguridade e o delegado do goberno en Galicia Manuel Amejeiras xunto co presidente de honra da Fundación Galega contra o Narcotráfico foron os encargados de rematar o camiño, no mesmo lugar onde se comezaba: a Praza de Galicia. Unha lacra na que non só os corpos de seguridade deben traballar senón que é moi importante a implicación de toda a sociedade.

    Redacción Salnés