O Hospital do Salnés é o único en Galicia co galardón “Hospital Amigo dos Nenos”

    SALNÉS > Ademáis de co lazo branco, protagonista en tódalas solapas símbolo da loita contra o narcotráfico, a Conselleira de Sanidade da Xunta de Galicia visitaba o Salnés a principios de febreiro portando tamén o lazo dourado, en apoio, protección e promoción da lactancia materna. Acudía ó Hospital do Salnés, que recibía hoxe o distintivo “Hospital amigo dos nenos”.

    O centro obtén así unha distinción en exclusiva en Galicia e súmase ós tan só 11 hospitais españois que o obtiveron con anterioridade. A visita comezaba na entrada do centro hospitalario, onde se pode ver a exposición fotográfica de promoción e apoio á lactancia materna “Ti podes darlle o mellor”, con instantáneas de recén nacidos e nais da comarca. A Asociación Galega Pro- lactación materna Mámoa,  que recibía durante o acto un ramo de rosas brancas en recoñecemento ó seu traballo, así como unha veciña da comarca en representación de tódalas nais.

    A distinción de “Hospital amigo dos nenos” premia o traballo do persoal do centro por conseguir unha área de maternidade adecuada para cubrir as necesidades dos recen nacidos e as súas nais.Segundo os datos manexados polos facultativos no inicio das iniciativas para conseguir este galardón, o 75% das mulleres da comarca optan pola lactancia materna, unhas cifras moi elevadas conseguidas grazas ó persoal do centro, adicado a informar ás nais durante o seu embarazo e posterior parto. A Conselleira congratulouse deste merecemento, que ven a reafirmar a importancia deste Hospital no conxunto galego.

    A Organización Mundial da Saúde xunto con UNICEF establecen dez requisitos rigorosos sobre o fomento, a protección e axuda á lactancia materna que o Hospital do Salnés conseguiu cumprir por primeira vez na Sanidade galega. No acto estiveron, ademáis da Conselleira de Sanidade Mª José Rubio, a Presidenta de Unicef España Consuelo Crespo e o Director da Fundación Pública Hospital do Salnés, Pedro Soler.


     

    Redacción Salnés