Entretendas mellorará á atención ó cliente cun protocolo de cortesía

    SANXENXO > O Centro Comercial Urbano de Sanxenxo someteuse nos últimos meses a un minucioso exame. A través dun estudo sobre a calidade do servizo prestado polo pequeno comercio do municipio, Entretendas descubriu eivas na comunicación co cliente que tratará de solucionar a través dun protocolo de cortesía para coñecer as súas demandas.

    A accesibilidade, a variedade de oferta dos comercios, a publicidade ou a comunicación co cliente. Son os principais puntos débiles do comercio local de Sanxenxo. Entretendas, o Centro Comercial Urbano presentou onte os resultados dun estudo de mercado que encargara a finais de ano sobre a calidade do servizo que presta o pequeno comercio do municipio. A empresa GMasC realizou unha serie de enquisas entre os residentes en Sanxenxo e un 44 por cento dos comerciantes asociados a Entretendas. Pola contra, os aspectos máis valorados foron a atención ó cliente, o índice de renovación dos locais e o aspecto interior e exterior que presentan.

    Ademais de demostrar o bo e o malo do comercio local, o estudo ofrece recomendacións, de acordo coa norma UNE que certifica a calidade dos establecementos. O estudo sinala que un 75 por cento dos enquisados consideran boa a atención que reciben nos comercios e que nun 95 por cento das visitas o comportamento do empregado foi correcto. Sen embargo apréciase un déficit na comunicación co cliente, á hora de explicar os tipos de produtos e as diferentes campañas que realiza Entretendas. Para paliar isto, o Centro Comercial Urbano de Sanxenxo implantará un protocolo de cortesía na atención ó cliente. Os establecementos crearán unha base de datos coas demandas máis habituais dos clientes e realizaranse enquisas periódicas de satisfacción do cliente. Tamén afondarán na formación do persoal, tanto en atención presencial como telefónica.

    Redacción Salnés