O mercado de Ribeira evita o peche con reformas por valor de 75 mil euros

    RIBEIRA > O concello de Ribeira vén de aprobar unha partida de 75 mil euros para levar a cabo o acondicionamento interior da praza de abastos da localidade. As obras incluirán diversas melloras nas tubaxes, nas portas do edificio, así como tamén nos aseos e na instalación eléctrica.

    A xunta de Goberno Local de Ribeira aprobou un investimento que se achega ós 75 mil euros para as obras de mellora e acondicionamento da praza de abastos.

    A reparación que se realizará fundamentalmente no interior do edificio terá un carácter inmediato, unha vez se coordine o desenvolvemento das obras cos comerciantes que teñen postos no mercado ribeirés.

    O prazo fixado polo executivo para levar a cabo esta mellora sitúase aproximadamente nos 15 días polo que poderían estar rematadas antes de finais deste mes de febreiro.

    As obras incluirán diversas melloras nas tubaxes, a realización de varios peches, a colocación de azulexos e pavimento antideslizante, a reparación das portas exteriores do edificio, así como o acondicionamento dos aseos e lavabos e a mellora da instalación eléctrica.

    Dende o concello de Ribeira sinálase que o executivo local sempre se preocupou polo acondicionamento das instalacións que están baixo a súa responsabilidade, polo que rexeita calquera tipo de declaración que cuestione a calidade dos produtos do mercado, circunstancia que vén a provocar alarma social e van contra os intereses dos propios comerciantes.

    Redacción Barbanza