RIBEIRA > ‘Preventiva 2006’ abriu as súas portas cun total de trece stands e expositores coas últimas novidades en materia de seguridade laboral. O acto inaugural estivo presidio polo Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, na compaña do alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, o presidente do CECB, Jesús Lojo Alcalde e diversos representantes políticos e sociais da comarca do Barbanza.
O Centro Empresarial da Construción do Barbanza agarda que mías de tres mil visitantes se acheguen ó Salón Preventiva ó longo da fin de semana. Un total de trece empresas darán a coñecer os seus productos e servizos en materia de seguridade, saúde e prevención de riscos laborais nos distintos stands que alberga a carpa de 600 metros cadrados situada diante do Club Náutico de Ribeira.
Esta feira, que celebra este ano a súa segunda edición, pretende converterse nun referente a nivel comarcal do compromiso de erradicar as altas tasas de sinistralidade do panorama laboral barbanzán. Así o destacou Jesús Lojo Alcalde, Presidente do Centro Empresarial da Construción do Barbanza, durante a súa intervención no acto de inauguración na que expresou o seu desexo de que esta iniciativa teña unha plasmación real na regulación da situación de moitos traballadores.
Pola súa banda, o alcalde ribeirés, Xosé Luís Torres Colomer, destacou a necesidade dunha maior inversión en materia de seguridade laboral por parte das administracións, con especial incidencia no sector da construción posto que presenta un maior índice de sinistralidade.
Neste sentido, o Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, expresou o compromiso do seu departamento para aportar os medios precisos para atallar esta problemática. Así mesmo, destcaou como paso principal para seguir este camiño, a implantación na sociedade dunha cultura de prevención comezando pola eliminación da precariedade laboral, directamente relacionada coa sinistralidade.
Varela indicou que, entre os obxectivos da súa Consellería, figura a promoción dun Instituto Galego de Seguridade para desenvolver normas comúns en materia de seguridade así como a posta en marcha dun Plan Galego de Prevención de Riscos Laborais.
Redacción Barbanza