Política Territorial adxudica a autovía do Barbanza a ‘Itinere – Caixa Galicia’

    BARBANZA > A Consellería de Política Territorial decidiu finalmente adxudicar a construción da autovía do Barbanza ó grupo integrado polas empresas Itinere Infraestruturas e Corporación Caixa Galicia. A mesa de Contratación tomou a decisión tras valorar a documentación por considerar que se trata da oferta máis beneficiosa para o interese público.

    Tralo acordo adoptado, a Conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, asinará a resolución oficial de adxudicación que lle será notificada á empresa adxudicataria. A partir de entón, o grupo disporá de tres meses para a presentación do proxecto construtivo á Consellería, que poderá supervisalo durante un prazo máximo de dous meses.

    Unha vez asinado o contrato entre a Consellería e o adxudicatario iniciarase o proceso de expropiación cunha duración estimada de catro meses que concluirá aproximadamente en setembro. Está previsto que as obras dean comeza nese mes e terán un prazo máximo de execución de 27 meses co que a autovía poderá estar rematada a finais de 2008.

    O contrato establece que Itinere-Caixa Galicia, participada nun 80 por cento pola Agrupación Itinere Infraestruturas S. A. E nun 20 por cento por Corporción Caixa Galicia, explotará a infraestrutura durante os trinta anos da concesión.

    Pola súa banda, a Consellería aboará un canon de demanda, determinado polo número de usuarios, dende o momento que entre en servizo a totalidade da autovía ata o final do periodo de concesión.

    En canto ós datos técnicos, a autovía suporá o desdobramento da actual vía rápida, incrementando a capacidade de tráfico e a seguridade viaria na comarca. A futura estrada contará cunha lonxitude de 40 quilómetros con dúas calzadas separadas por unha mediana de 1’2 metros, carrís de 3 metros e medios, arcéns exteriores de dous metros e medio e interiores dun metro. O trazado disporá de doce enlaces e unha conexión a un área de servizo.

    Redacción Barbanza