NOIA> O executivo noiés manterá este xoves un encontro coa hostalería local para informalos da futura ordenanza municipal de terrazas, nestes momentos en fase de elaboración. Á xuntanza están convocados tamén os voceiros dos distintos grupos políticos con representación municipal.
Con esta sesión informativa coa hostalería da vila, o executivo local busca informar ó sector sobre o borrador de ordenanza de terrazas que se está a a elaborar nestes momentos, co fin de recoller tamén as súas aportacións.
Cabe lembrar que a corporación municipal aprobou no último pleno a bonificación do 50% da taxa de ocupación da vía pública con mesas e cadeiras mentres persista a época de pandemia.
Dende o Concello sinalan tamén que esta previsto manter novas xuntanzas en próximas datas e en horarios distintos para que aqueles hostaleiros que non poidan asistir mañá teñan oportunidade de coñecer de primeira man o borrador e poder dar tamén a súa opinión ó respecto de cara a acadar o máximo consenso posible.