O programa ‘Falaredes’ recalará nas vilas de Muros e Noia

    BARBANZA> O programa de fomento do galego FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, levará esta semana Os Bolechas e o Sabichón e As fabas máxicas a seis concellos da provincia da Coruña adscritos á Rede de Dinamización Lingüística. O concurso infantil protagonizado pola familia Bolecha pasará polas localidades de Muros, Cariño, Neda e Ortigueira. Pola súa banda, a obra de Caramuxo Teatro recalará en Val do Dubra e Noia. O espectáculo dos Bolechas e o Sabichón vai dirixido a nenos de 4 a 8 anos simulando un concurso que enfronta os irmáns Braulio e Loli, que como líderes de senllos equipos teñen que superar unha serie de probas lingüísticas moi divertidas. Pero para vencer precisarán de axuda, polo que solicitan a participación do público, convertendo a xente miúda en parte activa e protagonista do espectáculo dinamizador. Coa obra de teatro As fabas máxicas, dirixida a nenos a partir de 4 anos, perséguese que os cativos se acheguen á dramaturxia en galego por medio dunha peza de coidada estética na que o humor, a emoción e a palabra van da man. Coma sempre en FalaRedes, a entrada a estas propostas é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.