Os veciños de Rubiáns piden participar no pleno de Vilagarcía

    VILAGARCÍA > Os veciños afectados polo trazado do acceso ó porto de Vilagarcía buscará o apoio da Comunidade de Montes de Rubiáns para darlle saída a algunha das dúas alternativas que presentarán a Fomento. Os veciños pedirán tamén a súa intervención no vindeiro pleno municipal.

    Os veciños de Rubiáns de Arriba afectados polo trazado do acceso ó Porto de Vilagarcía solicitarán poder intervir no vindeiro pleno que celebre a corporación municipal. Os afectados pretenden expor o seu problema pero tamén que tódolos grupos se manifesten claramente sobre ese asunto.

    Os veciños reuníronse este sábado para estudar os pasos a dar nos vindeiros días. De feito esta mesma semana, o venres, reuniranse na Coruña cos responsables do Ministerio de Fomento. Os afectados queren reunir cantos máis apoios posibles para que a administración atenda as súas demandas, que pasan por impedir que o novo acceso afecte ás súas vivendas. Para empezar, queren falar con tódolos grupos políticos. Tamén se dirixirán á comunidade de montes pois pretenden que dea permiso para que a nova estrada poida atravesar por terreo comunal, unha das alternativas que ofrecen ó trazado previsto por Fomento. Esta vía achégase máis ó deseño de Fomento, iría polo monte e alonxaríase uns metros a rotonda que agora se deseña na zona da Lagoa. Con esta opción quedarían liberados tódolos núcleos de poboación próximos, aínda que illaría a varias vivendas que quedaría rodeadas de vías de enlace.

    Teñen outra alternativa, que suporía a modificación do proxecto que xa se licitou. Trataríase dunha autovía que discorrería entre terreos de monte desta parroquia e do concello de Vilanova e que daría servizo tamén ó polígono industrial. Os veciños estudan incluso revitalizar a asociación As Chans, para darlle máis peso ós seus argumentos. Cos veciños estivo o edil de Esquerda Unida Juan Fajardo, que lles anunciou que o asunto será debatido na comisión de Fomento do Congreso dos Deputados.

    Os veciños de Rubiáns de Arriba aseguran que non se opoñen ó acceso ó porto, pero consideran que a alternativa que eles propoñen é mellor. Din ademais que este é o mellor momento de facerse escoitar, xa que teñen diante o proxecto definitivo e saben que as súas casas estarán afectadas polo trazado da estrada.

    Redacción Salnés