ILLA DE AROUSA > Na Confraría da Illa de Arousa retomouse esta fin de semana o proceso electoral pendente trala dimisión do anterior patrón maior Didier Dios. Este sábado os socios elixiron os 24 vocais da xunta xeral e entre os máis votados están a actual patroa maior Luisa Castro e o presidente da OPP 20 Carlos Otero.
Os socios da confraría da Illa de Arousa pasaron este sábado polas urnas para elixir ós 24 vocais que conformarán a Xunta Xeral e que decidirán logo o novo patrón maior. Os asociados brindaron un apoio maioritario a María Luísa Castro Lojo, que obtivo 128 votos. Luisa Castro é a actual presidenta das mariscadoras a pé e desempeña tamén o cargo de patroa maior desde a dimisión de Didier Dios. Pese ó apoio dos socios, a patroa en funcións xa amosou a súa intención de deixar o cargo. A segunda opción para facerse coa dirección do pósito sería o armador Carlos Otero Outeiral, que foi o segundo máis votado, con 105 apoios. Carlos Otero é o actual presidente da OPP-20.
A abstención marcou a xornada electoral, xa que dos 1100 con dereito a voto só acudiron ás urnas uns 616. No censo das mariscadoras, foron elixidas como vocais, ademais Luísa Castro, Pilar González, Carmen González, Soledad Otero, Avelina Piñeiro e Teresa Santiago. No caso dos armadores, ademais de Carlos Otero, os máis votados foron, Benigno Chaves, Gabriel Dios, Rubén Núñez, Francisco Otero, Santiago Otero, Juan Ramón Oubiña, Juan Marcelo Paz, José Francisco Rial, Jesús Rial, Christian Señoráns e Benito Suárez. Por último, as seis vocalías que corresponden ós tripulantes están destinadas, en principio, a Santiago Cores, Germán Dios, Bernabé García, Arturo Otero, Alberto Paz, e José María Rodríguez.
Redacción Salnés