CALDAS> A veciñanza de Carracedo, en Caldas, reclama dous pasos de peóns para a concorrida N-550, que atravesa a parroquia. Denuncian que tanto eles como os milleiros de peregrinos que fan o Camiño Portugués vense obrigados a atravesar a estrada a diario poñendo en perigo a súa seguridade. Acaban de iniciar unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar ao Ministerio de Transportes que atenda dunha vez esta vella reivindicación.
A N-550 divide en dous a parroquia de Carracedo, no concello de Caldas. En dous quilómetros só hai un paso de peóns, o que leva a veciños e peregrinos a ter que atravesar a estrada poñendo en risco a súa seguridade. Os veciños da zona levan anos demandando que se instalen dous pasos de peóns en dous puntos clave: no Cruceiro e en Casalderrique, un treito de tres carrís.
Pero tamén pensan nos milleiro sde peregrinos que pasan por aquí percorrendo o Camiño Portugués.
A veciñanza comenta que, por sorte, aínda non houbo que lamentar ningún accidente. Pero advirten que as situacións de perigo se repiten todos os días.
Agora, a asociación Carracedo Fala está disposta a conseguir o que de sempre foi unha reivindicación da parroquia. Acaban de poñer en marcha unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar ao Ministerio de Transportes que tome medidas.
A campaña que puxeron en marcha está en varias linguas, para que tamén os peregrinos que pasan por aquí apoien a causa. Confían en que con esta iniciativa se atenda a súa petición, pero non desbotan outras medidas de presión, mesmo algunha manifestación, para conseguir que, por fin, Carracedo deixe de estar separada por esta estrada.