Ribeira acollerá a finais de agosto a II Feira Gastromar

RIBEIRA> O éxito da primeira edición de Gastromar celebrada o pasado ano foi unha das principais razóns que levou á patronal ribeirense a volver a apostar pola celebración desta feira gastronómica.

A cita terá lugar do 25 ó 27 de agosto nunha carpa que se instalará na Praza de España.

Para levala adiante a Asociación volveu a contar co apoio de distintas entidades como é o caso das confrarías de Aguiño e Ribeira, OPMEGA ou a Cooperativa de Armadores.

O obxectivo de Gastromar non é outro que poñer en valor e dar a coñecer aqueles peixes e mariscos da nosa ría, pero non só aqueles máis coñecidos, senón tamén outros que por diferentes razóns, non teñen tanta demanda no mercado.

Na presentación tamén tomou parte o alcalde, Luís Pérez, quen destacou a importancia desta iniciativa, de cara a promoción dos produtos pesqueiros locais.