PORTO DO SON> Porto do Son viviu hoxe o día grande das súas festas do Carme. As celebracións relixiosas centraron o programa festivo coa tradicional misa solemne no porto e a posterior procesión marítima.
Día de gala en Porto do Son para render homenaxe á Virxe do Carme. Aínda que non era festivo local, centos de persoas fixeron o posible para acompañar á patroa dos mariñeiros nunha xornada moi emotiva para unha vila que vive por e para o mar.
O percorrido pola ría incluíu un alto diante da capela da Atalaia para realizar unha ofrenda floral en lembranza dos mariñeiros falecidos.
Despois deste día grande quedan aínda por diante tres días de festa con citas ineludibles; unha delas a sardiñada do Loreto que terá lugar mañá martes. Entre as numerosas propostas para animar as verbenas destaca a París de Noia que porá o broche de ouro ás celebracións o xoves xunto co gran espectáculo de fogos de artificio.











