BARBANZA > Responsables do Bloque Nacionalista Galego do Barbanza mantiveron unha xuntanza en Santiago co Conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, no transcurso da cal lle presentaron un proxecto para apoiar ó sector vitivinícola da comarca. A Consellería estuda actualmente as posibilidades de crear unha marca de viños da terra do Barbanza.
Ante as enormes potencialidades que presenta o sector vitivinícola na comarca, a Consellería de Medio Rural atópase actualmente estudando, a través do Servizo de Promoción e Calidade Agroalimentaria, o proxecto para unha clasificación de viños da terra do Barbanza.
Segundo Xosé Manuel Casal Sabín esta iniciativa viría a darlle un pulo importante a un bo número de produtores da zona, que dende hai algún tempo veñen loitando por conseguir este logro, dado que na comarca se dan as condición necesarias para que este sector se desenvolva nun futuro, tanto en termos de condicións físicas como climáticas.
O Conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, informoulles ós representantes do BNG na comarca do Barbanza, que está prevista unha visita en breve á zona do Director Xeral de Calidade Agroalimentaria, Antonio Santiago Oca Fernández, co fin de que coñeza in situ algunhas prantacións de viñedos e manteña reunións cos profesionais deste sector na comarca, moitos deles integrados na Asociación de Viticultores de Arousa Norte.
Redacción Barbanza