O PSOE de Lousame demanda maior mantemento na contorna do Museo de San Finx

LOUSAME> O PSOE de Lousame demanda arranxos na contorna do Museo Maneiro de San Finx. Os socialistas denuncian o mal estado en que se atopa un dos principais recursos turísticos do concello.

O PSOE de Lousame denuncia o mal estado en que se atopan os accesos e a contorna do Poboado Mineiro de San Finx, un dos recursos turísticos máis visitados do concello. En concreto, chaman a atención sobre o mal estado da varanda ó comezo do paseo fluvial que mesmo pode supoñer un risco para os visitantes.

O voceiro socialista considera que o mal estado da instalación débese á falla de mantemento. De aí, que o concurso para a explotación do restaurante quede deserto ano tras ano, o que implica un deterioro do local e a falla de servizos para os visitantes.

Dende o PSOE instan ó executivo local a facer unha aposta clara polo turismo mineiro, cun modelo sostible que poña en valor o patrimonio industrial do municipio.

Pola súa banda, dende o concello insisten en que a conservación do seus recursos patrimoniais e turísticos é prioritaria. Indicaron que hai tempo que teñen encargada unha nova varanda e están á espera da súa chegada para proceder á substitución de tódolos elementos danados.