RIBEIRA > As ANPAS dos centros educativos deseñan un programa de ocio alternativo para escolares.
A falla de alternativas lúdicas para a mocidade en Ribeira fíxolles tomar esta decisión. Segundo os representantes de tódalas asociacións de nais e pais de alumnos dos centros educativos do municipio o cambio nos hábitos de ocio nas novas xeracións coa entrada en escea das drogas, foi a principal razón que os moveu a promover este programa de ocio alternativo.
Unha das principais cuestión que os proxenitores expuxeron na reunión mantida o pasado mércores foi o déficit total de espazos de lecer e puntos de encontro para os mozos, polo que solicitaron a implicación de tdolos sectores nesta iniciativa que consideran prioritaria.
Os representantes das ANPAS de Ribeira consideran que o seu deber é intervir neste tema xa que lles preocupa, ó tempo que pode axudar a previr problemas serios que se den a posteriori.
Entre as propostas realizadas ós membros do executivo local que asistiron á xuntanza, así como os demais representantes das outras formacións políticas na localidade, destacan a mellora dos actuais espazos públicos, así como a creación doutros para o recreo xuvenil.
Os pais consideran necesario tamén a creación dun centro recreativo social que dispoña de sala de música e de xogos, potencia-la biblioteca municipal, o aproveitamento das casas de cultura parroquiais ou a promoción de festas light en datas sinaladas.
Outras das opcións plantexadas sería un carné xoven municipal que dea acceso a estas e outras actividades. A proposta non foi moi ben aceptada polos membros do executivo, ó considerar máis que aceptables as alternativas promovidas dende os distintos departamentos do concello como é o caso de Deportes, Cultura, Xuventude ou Festexos.
Redacción Barbanza