Ros Casares dispón xa de 15.000 metros para instalarse no porto de Vilagarcía

    VILAGARCÍA > O Porto de Vilagarcía dispón xa dos 15 mil metros cadrados que precisaba para a instalación da empresa Ros Casares, logo de acadar un acordo con Granorsa. Deste e doutros asuntos informou o martes o presidente da Autoridade Portuaria ó Consello de Administración.

    A Autoridade Portuaria de Vilagarcía chegou esta semana a un acordo con Granorsa para a permuta dos 4.600 metros cadrados que tiña a cambio doutra superficie no novo recheo de Ferrazo. Este espazo máis os 8.000 metros cadrados que ten a Autoridade Portuaria suman a parcela que Ros Casares precisa para abrir en Vilagarcía o centro de distribución para o noroeste peninsular de productos siderúrxicos. Esta negociación leva dous anos pendente de resposta oficial por parte do porto e o propio Jesús Paz remitiu un escrito no que pide desculpas e se pon á súa disposición para reabrir o proceso. A Autoridade Portuaria espera agora que Ros Casares aínda esté interesada en instalarse en Vilagarcía.

    O Consello de Administración tamén analizou os resultados de 2005 e constatou unha baixada do 81 por cento nos beneficios de explotación con respecto a 2004. O presidente comprometeuse a revisar tódalas previsións do plan deste ano. Paz recoñeceu que o desvío de tráficos na pesca conxelada tivo moito que ver na caída dos ingresos.

    Respecto ós depósitos de Ferrazo, Paz non quixo entrar en polémica sobre o traslado proposto polo BNG. Limitouse a dicir que a súa responsabilidade era que Finsa Foresa cumprise coa súa concesión de acordo coa lei. O presidente lembrou que esta empresa aporta o 44 por cento das mercancías totais que move o porto.

    Redacción Salnés