VILAGARCÍA > Unha familia de Bouza de Cea, en Vilagarcía, vén de denunciar unha situación que, segundo afirman, é un abuso de poder e a defensa de intereses particulares por parte das administracións competentes. Este pasado luns observaron na súa propiedade varias estacas novas que partían un terreo en 3 triángulos, colocadas co fin de abrir unha estrada, que non terá saída, polo medio e medio da finca anexa á casa. Din que loitarán ata o final polos seus dereitos nunha situación que consideran inxusta.
A familia Fortes é a propietaria dunha finca dende hai máis de 20 anos, ubicada nas proximidades da súa casa na travesía da Carballeira. Toda a finca está estacada dende o pasado luns, cando na súa ausencia se colocaron as estacas que marcan o rumbo dunha estrada que non terá saída. Cando comezaron os trámites, nun primeiro momento dixéronlles que non ían expropiar, anque logo accederon a que o fixeran por unha drenaxe que Fomento quería facer nun lugar non moi correcto. Jesús Fortes atopouse coa expropiación de 2 metros nunhas zonas e 3 noutras, para o que en principio non se opuxo polo ben comunitario. Sen embargo, agora aprécianse moitos erros e o Ministerio terá que modificar esas obras iniciais, que, por exemplo, deixaron na zona un pozo seco. O colmo chega coa expropiación desta finca para unha estrada non proxectada e que a dividirá en tres anacos prácticamente inservibles.
A familia Fortes denuncia que se proxecte unha estrada inservible, xa que polo momento non ten saída, e se prexudique claramente á súa propiedade, que quedará inutilizable ó pe da casa e na que sementaban os productos de consumo familiar. Denuncian ó concello de ‘amiguismos’ e ‘tratos de favor’ cunha estrada que só dará acceso particular a determinadas fincas e non a vivendas, o que si aceptarían no caso de que alguén quedase sen paso.
En cada nova modificación, acoden ó notario que levanta acta de cada movemento municipal porque din, defenderán os seus dereitos ata o final. Jesús Fortes está disposto a ceder o terreo necesario, sempre e cando intenten prexudicalo o menos posible, pero sinala que ata o momento ninguén se achegou a explicarlle nada. Critica que haxa uns intereses ocultos que favorecen a uns sen reparar nos danos a terceiros.
Redacción Salnés