MEIS> O concello de Meis alerta dun virus que pode afectar aos gatos do municipio. A vila rexistra polo de agora o falecemento de dous animais afectados pola panleucopenia. O goberno local advirte á veciñanza que teñan coidado coas súas mascotas.
No concello de Meis existen varias colonias de gatos rueiros controlados pola concellería de benestar animal para velar pola súa saúde. Uns animais que nas últimas datas se viron afectados pola panleucopenia, un virus agresivo que xa provocou o falecemento de dous animais. Ante a facilidade dos contaxios, o concello alertou nas redes sociais para que a veciñanza teña coidado cos seus gatos.
Os gatos foron detectados na parroquia de San Martiño grazas ao traballado da concellería de benestar animal que lidera María Sancho. Unha concellería creada polo actual goberno municipal para velar polos animais abandonados.
As tarefas de coidados destes animais fanse no concello en colaboración co refuxio de Cambados. Pero os gatos e cans non son os únicos animais atendidos pola concellería.
Dende o concello non detectaron máis gatos afectados, aínda así advirten aos veciños para que teñan coidado.