Detido o responsable dun pub de Sanxenxo tras atopar cocaína no local

    SALNÉS> Detido en Sanxenxo o encargado dun local de lecer nocturno como suposto autor dun delito contra a saúde pública. Trátase dun home de 29 anos ó que a garda Civil lle atopou no establecemento varias doses de cocaína e instrumental para empaquetar a droga. A fin de semana no municipio deixou máis incidencias, entre elas denuncias por botellón, altercados e un coma etílico. As forzas de seguridade volveron a ter unha fin de semana de traballo intenso en Sanxenxo. Os controis de erradicación do tráfico e consumo de drogas en locais de lecer nocturno que está a levar a cabo a garda Civil remataron coa detención do encargado dun deses establecementos como suposto autor dun delito contra a saúde pública. Trátase dun mozo de 29 anos, veciño da localidade. No rexistro sorpresa das instalacións, os axentes localizaron no interior da barra 15 envoltorios con cocaína listos para a súa venda e outro máis no interior da caixa rexistradora. No almacén, sobre un estante, os gardas atoparon unha báscula de precisión con restos da droga e máis envoltorios de plástico que se supón empregaban para a venda do estupefaciente. Tras proceder ó seu arresto, o detido pasou a disposición xudicial. Esta non foi a única incidencia que rexistrou a movida nocturna da vila. En Portonovo, a Policía Autonómica cursou outra denuncia contra un local ó detectar varios menores no seu interior consumindo alcol. De feito nese intre rexistrouse un coma etílico. Tamén na madrugada do sábado se produciu unha lea nesta vila e levantáronse varios informes por celebrar botellóns, aquí e en Sanxenxo. Na noite do sábado ó domingo os axentes tamén cursaron dúas denuncias ante a Subdelegación do Goberno tras presentarse nun lugar no que estaban celebrando unha festa privada despois de que varios veciños se queixaran. Do venres á madrugada do domingo realizáronse tamén 126 controis de peche de locais, tramitándose tres denuncias polo seu incumprimento a un pub do porto deportivo de Sanxenxo e a outro de Portonovo.