RIBEIRA > A Policía Nacional de Ribeira vén de asestar un duro golpe ás redes de narcotraficantes que operan na comarca. A detención de tres mulleres que transportaban no seu vehículo catro mil doses de heroína e varios obxectos roubados propiciou a desarticulación dun dos principais puntos negros de venta de droga, situado no lugar ribeirense de O Touro.
A detención produciuse cando a Policía Nacional localizou o vehículo no que viaxaban as tres mulleres no acceso da Vía Rápida do Barbanza. Ó inspeccionar o interior do automóbil, os axentes atoparon catro mil doses de heroína, por valor de 40 mil euros no mercado negro, e preto de tres gramos de haxís así coma reloxos, xoias, diñeiro en efectivo e documentación persoal.
Cando os axentes procederon a rexistrar os domicilios das tres detidas incautáronse de varias xoias, unha grabadora, un walkman, un reprodutctor de DVD, dous taladros e unha pulidora así coma 345 euros en efectivo.
As tres detidas, M. L. S. de 50 anos e R. A. S. de 24, ambálas dúas de etnia xitana, e M. L. B. de 36 anos, xa se atopaban baixo sospeita posto que ó domicilio das dúas primeiras acudían dende hai tempo gran cantidade de drogodependentes da zona do Barbanza.
Deste xeiro, queda desarticulado un dos principais puntos de venda de droga de toda a comarca. As tres mulleres pasaron onte a disposición xudicial tras pasa-la noite entre os calabozos da Policía Local e Policía Nacional de Ribeira.
Esta non foi a única actuación efectuada polos funcionarios da Policía Nacional que procederon tamén á detención dun veciño ribeirés, apodado ‘Noli’ por roubo con forza no interior dun vehículo que se atopaba estacionado na Rúa General Franco.
Redacción Barbanza