As fábricas de Ribeira contarán con caixas negras que rexistren os seus vertidos

    RIBEIRA > A comisión de seguimento de vertidos analizou no transcurso dunha reunión, entre outros temas, os vertidos de residuos industriais rexistrados ó longo da semana na Avenida da Coruña. O alcalde, Xosé Luís Torres Colomer, informou de que xa está localizada a fuga e que a tubería danada estará reparada o martes ou o mércores da próxima semana.

    Os molestos vertidos rexistrados dende principios de semana na Avenida da Coruña teñen a súa causa nunha fuga na tubaxe do colector separativo do polígono industrial. Esta deficiencia, provocada por motivos descoñecidos, foi detectado grazas a un microrobot con cámara que inspeccionou os condutos e permitiu ós técnicos coñecer o estado de tódolos puntos da rede.

    Está previsto que o luns, a empresa Proyecom inicie os traballos de reparación que estarán finalizados a finais de semana. Mentres tanto, desviáronse os efluentes polo colector da Avenida de Ferrol para evitar que se sigan a producir as molestias derivadas destes vertidos.

    No transcurso da reunión da comisión estudouse a posibilidade de que as industrias do municipio dispoñan dunha caixa negra que rexistre os contidos dos vertidos de cada empresa, que serán analizados polos técnicos municipais semanalmente. Os membros da comisión amosaron o seu interese por este proxecto, que lle será presentado en breve a Augas de Galicia.

    Ante as acusacións formuladas polo BNG ó respecto, o alcalde ribeirés insistiu en que non se pode culpabilizar ás empresas do polígono de non depurar os seus vertidos cando non se ten a certeza de que é así. A este respecto, a voceira do BNG de Ribeira, Dominga Brión, indicou que en ningún caso pretenden acusar ás industrias locais senón ó concello por non aplicar a normativa de vertidos, mantendo unha situación que xa se repite con demasiada frecuencia.

    Redacción Barbanza