RIANXO> O Concello cederá unha parcela no parque empresarial de Te para a construción dunha escola infantil. Trátase dunha proposta da Asociación de Empresarios que depende do financiamento da Xunta.
O Concello vai da man da Asociación Rianxeira de Empresarios na solicitude dunha segunda escola infantil para o municipio. Aínda que a construción depende da Xunta de Galicia, a administración local xa adiantou a posta a disposición dunha parcela de 2600 metros no parque empresarial de Te.
Empresarios e concello consideran que se trata da ubicación ideal para este tipo de instalación que daría servizo non só a traballadores do polígono senón tamén a veciños de Rianxo ou outros municipios dadas as boas comunicacións.
A construción dunha nova gardería permitiría reducir a lista de agarda na actual Galiña Azul de Rianxo que conta con máis solicitudes que prazas dispoñibles.