Bombeiros e Protección Civil continúan en alerta ante o forte temporal

    BARBANZA > O temporal de vento e chuvia que está a afectar a toda Galicia tivo tamén a súa incidencia na comarca do Barbanza . Ata o momento, non se rexistraron danos importantes provocados polo mal tempo pero os equipos de bombeiros continúan en estado de alerta en previsión de futuras incidencias.

    As consecuencias do forte temporal rexistrado no Barbanza con fortes precipitacións mesmo de saraiba, estanse a deixar notar coa caída de árbores e pequenas inundacións en baixos e vivendas, incidentes que se repiten na maioría dos concellos da zona. O equipo de bombeiros de Boiro tivo que desprazarse ata Rianxo para porceder ó derrubamento dun falso teito que estaba a piques de desplomarse a causa das fortes chuvias.

    A Dirección Xeral de Portección Civil alerta e realiza unha serie de recomendacións á poboación, como o feito de alonxarse das cornixas e edificacións en obras ante a previsión de fortes ventos.

    Ademais aconséllase desviarse tamén de zonas de árbores e muros en construción que poderían desprenderse, instando de paso ós condutores a extrema-la precaución nas estradas e a prestar maior atención ó volante ante posibles obstáculos na estrada.

    Os equipos de bombeiros e protección civil da comarca continuarán en alerta ante as desfavorables previsións metereolóxicas que falan da persistencia do temporal.

    Precisamente o mal tempo puido se-la causa dun novo accidente que se producía na tarde do venres na Vía Autonómica do Barbanza á altura do concello de Boiro, concretamente nas proximidades da saída norte, preto do polígono industrial de Espiñeira.

    O accidente tivo lugar arredor das catro da tarde e víronse implicados dous turismos nun choque fronto lateral; un Ford Mondeo con matrícula 4658 BYT, conducido por Xosé Manuel Pérez Romay, e un Audi A3, con matrícula 9824 CJB. A conductora deste último, Marina Paz Guimil, tivo que se excarcerada polo equipo de bombeiros pero, afortunadamente, as súas feridas non revisten gravidade.

    Ademais dos bombeiros de Boiro desprazáronse ata o lugar do suceso a Garda Civil de Boiro, o Grupo de Intervención Rápida de Protección Civil de Boiro e unha dotación da Garda Civil de Tráfico.

    Durante un tempo a vía rápida tivo que permanecer pechada ó tráfico mentres os equipos de rescate non conseguiron retirar os automóbiles para un dos carrís da estrada, desviando os vehículos pola estrada AC – 305. Posteriormente a circulación foi reestablecida por un dos carrís da vía autonómica do Barbanza, sendo regulada por axentes da Garda Civil de Tráfico. 

    Redacción Barbanza