NOIA> A demarcación de Costas vén de adxudicar a remodelación da fachada marítima de Noia. Estas obras, orzamentadas en preto de seiscentos mil euros, virán complementar os traballos que xa está a realizar na zona Portos de Galicia.
O Ministerio para a Transición Ecolóxica, do que depende a Dirección Xeral de Costas, adxudicou esta actuación por valor de cincocentos vinte e cinco mil euros. As obras darán continuidade ó Peirao do Marqués e de Cadarso permitindo o tránsito peonil a través dun paso voado. Procederase tamén á regulación do tráfico coa implantación dunha rotonda na intersección do malecón de Gasset.
Estas obras, que contan cun prazo máximo de seis meses, darán continuidade ós traballos que Portos de Galicia xa está a realizar na zona. As dúas empresas concesionarias, Tragsa e Copcisa, xa mantiveron encontros para a execución coordinada dos proxectos.
Unha vez completada esta remodelación deixa a porta aberta a unha nova conexión cunha ponte entre o malecón de Cadarso e San Lázaro. O executivo seguirá ademais a promover as actuacións de rexeneración da ría co dragado dos fondos e a recuperación ambiental.