BOIRO > A Asociación de Veciños A Unión vén de celebrar unha nova asemblea para analizar o Plan Parcial deseñado polo concello para a localidade de Cabo de Cruz. A directiva do colectivo veciñal defende a necesidade deste proxecto aínda que, entre os propietarios, a desconfianza segue sendo o sentir xeral.
Novamente o arquitecto Amancio Losada compareceu ante os veciños de Cabo de Cruz para resolve-las súas dúbidas respecto ó Plan Parcial. Ante as preguntas dos propietarios dos terreos. Losada indicou a importancia de ter un coeficiente de edificabilidade do 0’5 por cento. Así mesmo, insistiu nos importantes beneficios que suporá o desenvolvemento do plan posto que os terreos experimentarán unha importante suba de valor, chegando incluso a quintuplicarse.
Na reunión tamén estivo presente o avogado Daniel Insua que foi o encargado de aclarar os termos xurídicos e legais do proxecto.
Esta é a segunda charla organizada pola Unión para satisface-las demandas dos veciños que aínda non ven con moi bos ollos o plan. A intención dos responsables da asociación é explicarlle ós propietarios dos terreos afectados as vantaxes que vai supoñer o proxecto.
Neste sentido, a directiva mantivo unha xuntanza con responsables do executivo municipal na que estes se comprometeron a negociar unha serie de aspectos que aumenten a rendibilidade de cara ós propietarios.
Redacción Barbanza