CAMBADOS > Tras once meses de inactividade, a flota da vieira de Cambados inicia este luns a campaña deste ano. A confraría chegou a un acordo coas empresas comercializadoras, Vieira de Galicia e Pereira, para establecer un prezo de 4,50 euros o quilo. De todos modos serán tan só 25 días de actividade, coa previsión de retomala antes de Nadal.
Uns sesenta barcos da confraría de Cambados iniciarán o vindeiro luns a campaña da vieira na ría de Arousa. As últimas mostraxes realizadas ofrecen unha boa expectativa en canto á calidade do producto. A confraría estima que neste primeiro día de campaña se pode chegar a capturar entre 4.500 e 5 mil quilos, o que suporía unhas 23 mil pezas de vieira.
O patrón maior da confraría cambadesa, Benito González, explicou este martes ó sector os acordos acadados nos últimos días coas empresas comercializadoras. Cada mariñeiro poderá capturar 25 quilos diarios de vieira, cun máximo de 75 quilos por embarcación e a cotización situarase nos 4,50 euros o quilo, moi similar á da campaña pasada.
Os barcos levan once meses sen dedicarse á vieira, primeiro polas toxinas e logo por problemas na negociación coas empresas. Finalmente, Vieira de Galicia encargarase de eviscerar tódalas pezas capturadas aínda que Productos do Mar Pereira tamén comprará o producto.
De todos modos, esta será unha campaña de transición que durará 20 a 25 días. A actividade retomarase antes de Nadal. Os barcos comezarán a actividade na zona 4, entre Cambados, A Illa e O Grove pero nos vindeiros días terán opción de faenar nas zonas 2 e na 3-1. O horario mantense como na pasada campaña, de 9 a unha, pola mañá.
Redacción Salnés