A CIG solicita a dimisión da xerencia da Área Sanitaria de Santiago-Barbanza

RIBEIRA> A CIG volve a denunciar a mala xestión dos centros de atención primaria por parte da xerencia da área sanitaria Santiago-Barbanza e solicitan a dimisión dos seus responsables.

Segundo informan dende o propio sindicato a xerencia  obriga ó persoal de atención primaria do centro de saúde de Ribeira a realizar gardas no PAC avisando con escasas horas de antelación e a través de burofax.

Esta imposición, que vén dándose segundo a CIG durante todo o verán e reiteradamente nas últimas fins de semana, non se debe a unha ausencia non programada, se non que corresponde a permisos solicitados polos traballadores meses antes e que non se cobren ata o último momento.

Dende o sindicato apuntan a que esta situación estaría agravando, máis se cabe, o problema da falla de persoal que xa arrastra o dito centro sanitario desde hai anos.

A CIG denuncia que esa falla de organización por parte da xerencia, merma as condicións de traballo do persoal, o que conleva a un desgaste físico que repercute na calidade de atención que se lle presta a diario ós pacientes.