Os concellos rexeitan o convenio de Portos sobre pesca recreativa

RIANXO> Rexeitamento dos concellos ó convenio de Portos de Galicia que restrinxe ou prohibe a pesca recreativa en zona portuaria. Boa parte dos municipios afectados négase a asumir o control desta actividade posto que non dispoñen dos medios necesarios e carecen de competencias para facelo.

Representantes dos concellos de Rianxo, A Pobra, Boiro, Cambados, A Illa, Bueu, Moaña, Cariño, Camariñas, Fisterra, Ribadeo e Sada reuníronse esta mañá no municipio rianxeiro para abordar a prohibición da pesca recreativa nos seus peiraos imposta por Portos de Galicia. Rexeitan o convenio proposto polo ente autonómico posto que obrigaría ós concellos asumir labores de control que escapan ás súas competencias.

Instan a Portos de Galicia a retomar o diálogo co sector da pesca deportiva para resolver un conflito creado, din, pola propia administración.

Trala xuntanza desta mañá, acordaron trasladar a súa postura á FEGAMP para que lla faga chegar ó resto de concellos afectados que, se o desexan, poderán sumarse a este grupo de traballo que nace con vocación de continuidade para seguir a tratar asuntos en materia portuaria.