O executivo boirense adxudica as obras de rehabilitación do Pazo de Goiáns

BOIRO> O Concello vén de adxudicar a rehabilitación do Pazo de Goiáns. A actuación, que se executará nun prazo dun ano, conta cun orzamento próximo ó millón de euros.

A UTE Proyecon Reboben González resultou a adxudicataria para acometer o proxecto de reforma do Pazo de Goiáns. A piques de rematar o mandato o executivo boirense adxudicou esta obra que ascende a preto dun millón de euros e conta cun prazo de execución dun ano se todo marcha sobre o previsto. Os traballos iniciaranse de contado, una vez o director de obra o autorice. As obras afectarán á torre e ó edificio principal, acometéndose a súa rehabilitación integral pero conservando os elementos que se atopen aínda en bo estado.

A actuación poderá ser financiada grazas ó crédito solicitado polo concello ó fondo de cooperación do Instituto Galego de Vivenda e Solo. Trátase dunha liña de credito sen intereses dirixida á rehabilitación de patrimonio en concellos de menos de 50.000 habitantes.

O rexedor boirense tamén se referiu á polémica suscitada a raíz das obras de retirada da cuberta e ó baleirado levadas a cabo no pazo. Segundo el o Concello sempre actuou en base ós informes emitidos por Patrimonio.