Os desempregados de Catoira poderán renovala tarxeta sen acudir ó INEM

    CATOIRA > O delegado provincial da Consellería de Traballo, Pedro Borrajo, inaugurou  no concello de Catoira o Punto de Información do Servizo Galego de Colocación, co que se poderá actualizar a demanda de emprego sen necesidade de acudir a unha oficina do INEM.

    O terminal informático está operativo dende febreiro e permite a renovación da demanda de emprego por medio das pegadas dixitais de cada usuario, evitando así as molestias ata agora habituais de ter que pasar revista acudindo ata algunha oficina do INEM. O terminal está situado na Oficina de Atención ó Publico do concello de Catoira e únese ós outros puntos de información que xa están operativos na provincia dende hai tempo, caso do de Vilagarcía, Sanxenxo ou O Grove. Distribúense segundo criterios de proximidade dos usuarios ás oficinas do INEM e tamén segundo o número de demandantes de emprego da localidade. O usuario só terá que achegarse ata unha oficina do INEM para identificar as súas pegadas dixitais e a partir de aí poderá acceder á renovación da demanda a través de calquer Punto da comunidade, accedendo co DNI e tras validar a impresión dactilar. Pero ademais da renovación da demanda de emprego sen necesidade de achegarse ó INEM, o usuario tamén ten acceso ás ofertas de bases de datos do Servizo Galego de Colocación, á programación de cursos, a ofertas de emprego ou as páxinas web dos principais organismos oficiais, caso de Ministerios, a Xunta de Galicia ou as universidades, entre outros. Para estes servizos, non é necesario validar as pegadas dixitais, polo que calquera ten acceso directo dende un Punto de Información como o que xa funciona en Catoira. 

    Redacción Salnés