Un erro na inscrición traslada a Pontevedra a candidatura cesureña de Terra Galega

PONTECESURES> Sorpresa maiúscula a que se levaron os membros do partido Terra Galega, de Pontecesures. Onte, tras revisar a listaxe de candidaturas que concorrerán ás eleccións municipais do 26 de maio no seu concello non figuraba o equipo que eles presentaran. Pola contra, aparecen como unha das forzas que opta á alcaldía de Pontevedra. Un erro no rexistro que agardan poder solucionar.

A candidatura de Pontecesures de Terra Galega revisaba onte con sorpresa a publicación do Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. A súa listaxe non aparecía entre as que concorrerán ás eleccións municipais do vindeiro 26 de maio.

Segundo a publicación, só Independientes de Pontecesures, PP, BNG e PSOE optarían a alcaldía cesureña. Algo que se debeu a un erro á hora de completar os papeis necesarios para facer a inscrición.

Onte mesmo desprazáronse a Pontevedra para rectificar este erro. Presentaron un escrito facendo as correccións necesarias, que agora terán que ser valoradas pola xunta electoral de zona. Agora, confían en que se acepten as súas explicacións.

Terra Galega situouse como a terceira lista máis votada nos comicios do 2015. No 2016 pasou a formar parte dun goberno encabezado polo popular Juan Manuel Vidal e coa edil de Independientes de Pontecesures como compañeira no executivo, tras unha moción de censura que quitou o bastón de mando á coalición BNG-PSOE.

Tras formar con esforzo unha candidatura para as eleccións deste ano, agora confían en que a súa sexa unha das cinco papeletas entre as que os veciños de Pontecesures poidan escoller o vindeiro 26 de maio.