Enrique León: ‘Temos o corazón cheo de ilusión e a cabeza chea de ideas’

    programaenriqueleon100_100507.jpgVILAGARCÍA > Unha administración accesible, unha cidade segura e vivenda protexida, son algunhas das medidas de impacto …

    … que introduciu no seu programa o PSOE de Vilagarcía. Así o indicou o aspirante á alcaldía Enrique León no acto celebrado onte á noite no Auditorio Municipal.

    Conseguir unha cidade aberta, plural e solidaria é o eixo principal do programa deseñado polos socialistas de Vilagarcía para estas Municipais. O candidato Enrique León volveuse a adiantar ós seus contrincantes e onte á noite deu a coñecer os seus compromisos electorais. Un programa, dixo o candidato, feito con ilusión e pensando nos cidadáns, no que se conxuga a experiencia e renovación que caracteriza á candidatura socialista. ‘Temos o corazón cheo de ilusión e a cabeza chea de ideas’, afirmou Enrique León.

    programaenriqueleon200_100507.jpgDe seguir no goberno, o PSOE quere modernizar a administración local coa creación dun Servizo de Atención ó Cidadán, unha oficina de Control e Calidade e un Servizo de Contratación. Enrique León aposta tamén pola construcción de vivenda protexida, e pola creación dunha Xerencia de Urbanismo. Quere ademais unha cidade segura e contempla unha Comisión Local de Coordinación Policial e a figura do Axente de Enlace, que se encargará de manter contactos con distintos colectivos de cidadás para coñecer os seus problemas. Outro compromiso do programa socialista é conseguir unha cidade para a igualdade e o benestar, para o que aumentará o orzamento e recursos humanos destinados a políticas de Servizos Sociais. No apartado cultural Enrique León, destacou a construcción dun Centro para a creatividade e a memoria.

    Na presentación deste programa, o candidato socialista contou co apoio do presidente da Autoridade Portuaria e do actual alcalde Javier Gago, que pediu ós veciños que lle deran a León o mesmo ánimo e apoio que lle deron a el nos 16 anos que leva de alcalde. Enrique León contará este sábado co respaldo do presidente da Xunta e secretario xeral PSdeG, Emilio Pérez Touriño. Será no mitin que se celebre en Fexdega ás oito da tarde.

    Redacción Salnés