Durán confirma ós veciños do Pereiro que Vilagarcía non ten autorización

    VILANOVA > O alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, reuniuse este mércores cun grupo de veciños afectados pola paralización das obras de saneamento no lugar do Pereiro. O rexedor explicoulles que esta obra non dará servizo a toda a zona do Sixto a menos que se execute tamén a prevista en Serantes. En todo caso advertiu ós veciños que Vilagarcía mantén varias conexións coa rede de Vilanova sen autorización e sen pagar o imposto correspondente.

    Os veciños de Vilanova e Vilagarcía que dirixían un escrito ó alcalde Gonzalo Durán para que levantase a paralización das obras no Pereiro tiveron hoxe oportunidade de escoitar de primeira man as explicacións do goberno vilanovés. Os veciños consideran esencial esa obra para poder conectar os seus domicilios á rede de saneamento e auga que comezou a construír Vilagarcía e que Vilanova parou por afectar a terreos seus sen autorización.

    Sen embargo, Gonzalo Durán explicoulles que esta obra non dará solución a tódolos veciños do Sixto e que para elo será necesario executar tamén a rede de saneamento de Serantes, en Baión. O alcalde vilanovés tamén lle comentou ós veciños que practicamente tódalas conexións que Vilagarcía ten coa rede de sumidoiros de Vilanova na zona do Sixto non teñen permiso. Ademais advertiu que o concello veciño non está a pagar por este servizo.

    Redacción Salnés