Un incendio destrúe por completo un chiringuito de praia en Aguiño

RIBEIRA> Un incendio rexistrado na madrugada do domingo destrúe por completo un ‘chiringuito’ situado na praia ribeirense do Robalo, en Aguiño, nas inmediacións do campo de fútbol da Tasca.

Unha chamada dun veciño, que alertou ó 112 do inicio do lume, mobilizou rapidamente ós equipos de emerxencias.

Efectivos do parques de bombeiros de Ribeira e Boiro desprazáronse ata o lugar, pero xa non puideron facer nada por intentar salvar o local.

A estrutura, totalmente de madeira, foi pasto das lapas, e os bombeiros tardaron case tres horas en extinguir o lume.

Por fortuna non houbo que lamentar danos persoais, xa que a esa hora o ‘chiringuito’ atopábase pechado.

Un duro revés para o seu propietario, que debe afrontar agora, en pleno verán, a recuperación do negocio.

A Policía Nacional abriu xa unha investigación para tratar de aclarar todo o acontecido e pescudar cal puido ser a orixe do incendio.

Dáse a circunstancia que hai un mes aproximadamente resultaba tamén calcinado outro establecemento hostaleiro en Ribeira. Neste caso o camping Valverde en Olveira-Corrubedo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí