Cifran en case 60 millóns de euros as perdas económicas do marisqueo na ría de Arousa

VILAGARCÍA> Pois seguimos falando do futuro da ría de Arousa. A Plataforma en Defensa da Ría advirte que as perdas económicas do marisqueo nos últimos cinco anos acadan os 59 millóns de euros, sen ter en conta o IPC. Xunto con confrarías e agrupacións de mariscadoras e mexilloeiros, o colectivo lamenta a falta de políticas de saneamento e rexeneración por parte da Xunta. Cargan contra o goberno galego pola súa inacción e por impulsar ‘proxectos nocivos’ para a ría.

O futuro da ría de Arousa cada vez vese mais negro. A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, xunto con confrarías e agrupacións de mariscadoras e produtores de mexillón advertiu hoxe das perdas económicas millonarias derivadas da falta de políticas de saneamento e rexeneración. Cifran en 59 millóns de euros as perdas dos últimos 5 anos, sen contar o IPC.

Baseándose nos datos de pescadegalicia.gal, alertan dos brutais descensos da produtividade en recursos clave como a ameixa ou berberecho.

Cargan contra o goberno galego por abandonar á súa sorte aos sectores produtivos da ría. Demandan medidas para o saneamento e rexeneración da ría, tendo en conta o fenómeno de menor renovación das augas que se está a dar dende hai case dúas decádas

E acusan ao goberno galego de apoiar o impulso de proxectos nocivos para a ría.

E como mostra da situación críticas, alertan dos continuos ceses de actividade e da falta de relevo xeracional no sector, onde a demanda para novas incorporacións é máis que limitado.