O goberno de Cambados rompe o cuadripartito e cesa o edil de Pode, José Ramón Abal

CAMBADOS> Rompe o cuadripartito de Cambados. O goberno decidiu este mediodía cesar a José Ramón Abal, edil de Cambados Pode. PSOE, Somos e BNG explican que se trata dunha medida moi meditada, que chega despois de acumular numerosos desencontros. A pinga que colmou o vaso foi o voto en contra de Abal á RPT e a falta de vontade para acadar puntos de acordo.

Así anunciaba o alcalde de Cambados a decisión do goberno de expulsar ao edil de Pode do executivo. Quedan oito concelleiros que suman PSOE, Somos e BNG.

Nesta listaxe de desencontros, o último foi o voto en contra de Abal á RPT, impedindo que saíra adiante, e sen dar explicacións aos que ata o de agora eran os seus socios.

O alcalde compareceu xunto aos seus socios de goberno. Somos e BNG comparten a análise, destacando que a situación era insostible.

As tensións no seo do cuadripartito foron xa constantes no primeiro mandato, entre o 2015 e o 2019. No seguinte, as esquerdas sumaron os apoios suficientes para gobernar sen o edil de Pode, cuxo voto volveu ser necesario nos comicios de 2023. Neste novo escenario, o executivo gobernará en minoría, conscientes de que a moción de censura está agora sobre a mesa.

O goberno terá tamén que reorganizar as súas competencias para asumir as carteiras de Obras, Servizos, Enoturismo e Seguridade que ostentaba Abal.

Polo de momento, o edil de Cambados Pode desbotou facer declaracións.