Fernando Baeza, quen fora arquitecto na Illa, podería volver ó concello

    A ILLA DE AROUSA > A oposición da Illa de Arousa volve estar en pe de guerra por culpa do antigo arquitecto municipal, Fernando Baeza. Quen provocara as iras de tódolos grupos, excepto o PSOE, presentarase á oposición para acada-la praza de arquitecto, e farao tras unha recente sentencia na que a xustiza anula unha licencia que deu el e que defendeu ata a saciedade: a da casa da rúa Cabodeiro.

    Despois do que tivo que pasar na Illa de Arousa, o que fora arquitecto municipal parece que quere volver ó concello. El é un dos candidatos á oposición que terá lugar o xoves para ocupar esta polémica praza. Baeza fora obxecto de numerosas críticas por parte dos veciños e da oposición, que incluso aprobara nun pleno o seu cese. Argumentaban para iso as numerosas irregularidades detectadas no urbanismo illense, especialmente na concesión de licencias. E foi neste tema no que a xustiza lles deu a razón, o anular a cuestionada licencia dunha casa na rúa Cabodeiro. Unha actuación que tivo que ser denunciada por un veciño, despois de que o concello desoíse as súas peticións e mesmo as da Xunta de Galicia para que paralizase as obras. Por iso tódolos grupos da oposición consideran inexplicable o intento de regreso de Baeza á Illa. O independente Luis Navarro, un dos máis críticos con el no seu día, asegura non saber nada sobre o tema e que ninguén dende o concello lle notificou a convocatoria da oposición. Sen embargo dende o PP confirmaron este punto asegurando que o goberno local optou por prescindir totalmente da oposición alegando que querían un xurado máis técnico. Deste xeito elexirán ó vindeiro arquitecto municipal, o alcalde, o secretario e tres arquitectos. 

    Redacción Salnés