As bandeiras azuis xa ondean en sete praias boirenses

BOIRO> As sete bandeiras azuis de Boiro xa locen nos seus areais. Esta mañá procedeuse ó izado dos distintivos nas praias que se suman ás tres bandeiras Q de calidade e ás distincións de sendeiro azul e centro azul. Os distintivos que xa ondean nos areais boirenses certifican a calidade das súas augas así como a máxima excelencia nos servizos que ofertan ós visitantes. A escalada de postos de Boiro no ránking autonómico situándose como terceiro concello de Galicia e primeiro da provincia non é casual. Nos últimos anos téñense realizado importantes melloras para garantir a calidade das augas. Ademais da calidade das augas, principal criterio para outorgar estes distintivos, as bandeiras azuis garanten que as praias sexan accesibles e conten con tódolos servizos requiridos. Neste sentido, os areais boirenses contarán este verán con vinte e catro socorristas.