RIBEIRA> A proba, disputada este pasado domingo, é a primeira das cinco citas que conforman este ano o circuíto Arousa-Revolutrion Trail Series 2019.
Uns 350 corredores tomaron a saída este domingo no Trail da Cidá, convertendo a proba na máis concorrida das tres edicións disputadas ata o de agora. A carreira, organizada pola asociación Arousa NeO, é a primeira das cinco citas que integran este ano o circuíto Arousa-Revolutrion Trail Series 2019. E viña este ano cargada de importantes novidades. Unha delas o cambio de percorrido respecto a anos anteriores.
Cunha lonxitude de aproximadamente 15 quilómetros os participantes tiveron que atravesar, ademais do monte da Cidá, que dá nome a proba, outros espazos singulares e de gran atractivo, como foron o Parque Periurbano de San Roque ou o Parque Natural do Vilar.
A vitoria nesta ocasión na categoría masculina foi para Víctor González do Lodeiros Trail. Por detrás del entraron en segunda posición Carlos Lorenzo e de terceiro Esteban Toucedo.
En canto á categoría feminina a gañadora foi Beatriz Barroso do Tribu Trail. Completaron o podio Elena Matalobos e Pati Martínez.
A carreira celebrouse sen ningún incidente de consideración e os atletas participantes destacaron, tanto o alto nivel organizativo coma a espectacularidade do percorrido.
A organización da proba, a asociación Arousa NeO, xa está a pensar na próxima cita do Circuíto. Neste caso será o próximo 24 febreiro, coa disputa do Trail de San Isidro na Pobra. As inscricións para esta carreira xa están abertas, podéndose realizar a través da web: www.arousa.com.