Neira Vila lerá o pregón da XI Festa da Lamprea de Pontecesures

    PONTECESURES > O escritor Xosé Neira Vilas será este ano o pregoeiro da undécima edición da Festa da Lamprea de Pontecesures. O concello deu a coñecer xa o programa desta cita gastronómica que se celebrará o 26 de marzo e que amplía a súa oferta lúdico-cultural.

    O programa da Festa da Lamprea de Pontecesures arranca o 17 de marzo, cunha charla coloquio sobre a pesca da lamprea e a cultura marítima a cargo do presidente da agrupación de Valeiros e membros da Federación Galega pola Cultura Marítimo Fluvial.

    O venres 24 de marzo ofrecerase unha proxección audiovisual de curtametraxes e estrearase o corto ‘Falamos’ rodado durante o nadal na localidade. O domingo 26 é o día grande. A xornada iniciarase con teatro de rúa a cargo do actor Pepe Penabade, que representará na plazuela Rudesindo da Barrosa. A música este día virá da man do cuarteto tradicional Chouteira e de agrupacións folclóricas de Pontecesures.

    Para a lectura do pregón, o concello volveu apostar por unha persoa vinculada ás letras. Nesta undécima edición convidouse ó autor de Memorias dun neno labrego e membro da Real Academia Galega Xosé Neira Vilas. Como sempre, antes da comida oficial, as autoridades visitarán as cociñas onde se prepara a lamprea á bordalesa na praza da lonxa.

    A carpa da degustación instalarase como tódolos anos no peirao e o prezo da ración será de 12 euros. Por este prezo, os comensais degustarán varios cachos de lamprea acompañados de arroz con picatostes e terán como agasallo o correspondente plato conmemorativo. A organización encargará 300 lampreas que darán para unhas mil racións. Ó igual que noutros anos, instalarase un acuario na carpa onde se poderán contemplar lampreas vivas.

    Redacción Salnés