O BNG ribeirés critica o proceso de contratación do arquitecto municipal

    RIBEIRA > O BNG de Ribeira vén de amosa-lo seu malestar pola contratación, polo procedemento de urxencia, dun arquitecto municipal. Segundo eles o proceso de selección non foi transparente e o executivo local contratou a dedo a unha persoa que está ademais vinculada profesionalmente a un grupo inmobiliario con intereses neste concello.

    Para o BNG ribeirés a falla de persoal e medios do Departamento de Urbanismo foi sempre unha denuncia constante dende esta formación, sen que o goberno local fixera nada por remediala ata o de agora.
    Para a nacionalista Dominga Brión Sanmiguel resulta agora estrano que despois de tanto tempo se decidira contratar directamente a un arquitecto, acudindo ó procedemento de urxencia, despois de que hai aproximadamente un ano se declarara deserta a convocatoria realizada para o nomeamento interino mediante oposición libre da praza, a pesar de que se presentaran varios candidatos.

    Segundo Dominga Brión a pesar da necesidade de que Ribeira conte o antes posible cun aruqitecto municipal, o proceso de selección debe ser totalmente transparente, máxime cando a persoa escollida está vinculada profesionalmente a un grupo inmobiliario con intereses neste concello.

    Por esta razón veñen de presentar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria na que solicitan que se anule o acordo da Xunta de Goberno do pasado 16 de febreiro na que se decidiu a contratación directa  da praza de arquitecto, que se axilice o proceso de selección que xa está en marcha repectando os principios de publicidade, transperencia e concorrencia e que se realice un convenio do Colexio de Arquitectos para que colabore no procesod e selección.

    Dende o concello sinálase ó respecto que a convocatoria do concurso xa foi realizada aínda que ningún dos candidatos non superou as probas realizadas. Á espera de que se volva a retoma-lo proceso de selección recúrrese ó procedemento de urxencia para ocupar esta praza de xeito temporal debido a importancia da mesma.

    Redacción Barbanza