SANXENXO> En Sanxenxo a axuda aos bañistas en apuros chega, a partir de agora, tamén polo aire. O Concello impulsa un proxecto de salvamento con drons, pioneiro nas praias do norte peninsular. O dispositivo manterase nas praias de Silgar e Montalvo ata que remate agosto.
Despois de proba-lo dispositivo na praia de Montalvo, os drons sobrevoan dende hoxe a praia de Silgar. A cabalo entre un e outro areal os avións non tripulados velarán pola seguridade dos seus usuarios.
Se un bañista está en apuros, o dron poderá prestarlle axuda axiña. Segundo calculan os expertos a resposta ante unha emerxencia deste tipo podería tardar pouco máis de 20 segundos
Ademais da rápida reacción, o emprego de drons ten tamén outras vantaxes. O avión non tripulado achégalle un salvavidas ó bañista, o que tamén se traduce nunha dose de calma ante unha situación adversa.
Sanxenxo é a primeira localidade do norte peninsular onde se impulsa un proxecto de salvamento con drons en praias.
Os drons estarán dispoñibles ata finais de agosto nas praias de Silgar e Montalvo. Se esta fase de probas dá bo resultado, a súa implantación será definitiva en varios dos areais do municipio nos vindeiros anos.