A décima edición do obradoiro de hostalaría da Mancomunidade do Salnés prolongarase nove meses

SANXENXO> 20 mozos e mozas participan na décima edición do Obradoiro de Hostalaría da Mancomunidade do Salnés. A acción formativa, que vai xa pola súa décima edición, prolongarase durante os vindeiros nove meses. Esta mañá tivo lugar a súa inauguración en Sanxenxo.

Na procura da calidade e da excelencia no servizo. Ese é o obxectivo final que deben consegui-los 20 alumnos e alumnas que participan na décima edición do Obradoiro de Hostalaría da Mancomunidade do Salnés. Aínda que a súa formación comezou hai uns días, hoxe tivo lugar a súa inauguración oficial.

A acción formativa repite escenario: o porto deportivo de Sanxenxo. Con preto de 450 establecementos do sector, a hostalaría ten un peso fundamental para a economía local. O alcalde da vila destacou que este tipo de obradoiros contribúen a mellora-la calidade dos servizos que se prestan a aqueles que nos visitan.

Unha formación que, segundo apuntan dende a Mancomunidade do Salnés, non só beneficia a Sanxenxo, senón que repercute na calidade dos servizos de toda a comarca.

Nel, os participantes van aprender a preparar pratos típicos galegos e menús de alta gastronomía. Unha formación completa e intensa que ten a súa repercusión en termos de empregabilidade.

O proxecto está financiado a través da Consellería de Traballo da Xunta. Dende a Mancomunidade aproveitaron para reclamarlle ó goberno galego novos módulos formativos para a comarca, como un obradoiro formativo de camareiro de planta.