O GROVE > No Grove, os socios da confraría de pescadores están en plena campaña electoral. E os candidatos non descansan nin en sábado de Entroido. O actual patrón maior en funcións Francisco Iglesias presentou na Aula do Mar ós representantes da súa candidatura. Iglesias esbozou as liñas mestras do seu programa que contempla, entre outros proxectos, o aproveitamento turístico da actividade pesqueira e marisqueira no Grove.
Mar das Illas Atlánticas, sería o nome da cooperativa que se dedicaría a explotar os valores turísticos da pesca. É un dos proxectos que leva no seu programa electoral o patrón maior en funcións do Grove, Francisco Iglesias. En caso de que os socios lle renoven o seu apoio o vindeiro sábado, O Grove, xunto coas confrarías de Cangas, a Pobra, Pontevedra e a cooperativa Illas Cíes aproveitaría esta actividade como nova fonte de ingresos. A iniciativa permitiría ofrecer ós turistas a posibilidade de observar cetáceos e aves, de presenciar o traballo a bordo e de degustar, despois o pescado e marisco capturado.
Con estas confrarías, o equipo de Iglesias tamén ten xestionada a posta en marcha dunha macro-hatchery con capacidade para máis de cen millóns de unidades de moluscos bivalvos. Outro proxecto estrela da candidatura de Iglesias é unha batea para engorde de polbo, que tería que ser xestionada tamén por unha cooperativa. A candidatura del actual patrón comprometeuse ante os socios a vixiar de preto os cambios na lexislación actual, ademais de manter e mellorar as infraestructuras dentro e fóra da lonxa.
Redacción Salnés