Presupostos históricos

    RIBEIRA > O concello de Ribeira disporá para esta anualidade 2006, ano do seu centenario coma cidade, duns orzamentos que superan os dezanove millóns de euros, o que supón un incremento do 9’33% en relación co do ano anterior que se achegaban ós dezasete millóns e medio.O capítulo destinado a inversións supera por primeira vez os seis millóns de euros e increméntase nun 30% respecto ó ano 2005.

    Foi o Tenente-alcalde e concelleiro de Facenda de Ribeira, Manuel Ruíz, o encargado de presentar esta mañá os presupostos municipais para este ano 2006, que se sitúan nos 19 millóns de euros, os máis altos da historia deste concello.Con respecto os orzamentos do pasado ano obsérvase un incremento do 9’33%.

    Os orzamentos que por primeira vez lle foron entregados ós medios e ós grupos municipais en soporte CD, superan por primeira vez os seis millóns de euros adicados a inversións, o que vén a amosar segundo Ruíz Rivas a boa saúde financieira que presenta o concello actualmente.

    Manuel Ruíz destacou tamén o importante incremento de aforro bruto, o que permitirá que este ano medren os fondos propios destinados a investimentos nun 365%, incrementándose en preto dun millón de euros máis que no ano 2005.

    Entre as inversións destacan entre outras a rehabilitación da casa de Dona Adela, a construción da Casa da Xuventude ou a do matadoiro municipal.

    No gasto corrente hai que destacar tamén a partida destinada ós actos de celebración do centenario de Ribeira coma cidade.

    En canto á débeda tamén hai que destacar que sube entre dous e oito puntos, dependendo si se compara cos ingresos do 2005 ou os do 2004, situándose nun 58%, moi alonxada do 110% que permite a lei.

    Outra cifra que incide nesa boa situación económica que presenta o concello segundo Ruíz Rivas é o avance da liquidación do 2005 que rexistra un superavit de máis de 1.173.000 euros.

    Os orzamentos serán levados a pleno para a súa aprobación por parte da corporación municipal o vindeiro luns seis de marzo.

    Redacción Barbanza