O concello da Pobra promove a recuperación da arte popular

    cruceiroribeiria_100_010307.jpgPOBRA > Na súa aposta pola recuperación do patrimonio artístico popular, o concello da Pobra xa conta cun novo elemento, o cruceiro da Ribeiriña

    … que xa loce no antigo Camiño Real totalmente restaurado. Esta peza, datada no século XVIII presenta importantes singularidades posto que ademais da base e o capitel orixinais presenta restos de policromía e inscricións que aportan datos sobre a súa orixe.

    A colaboración entre a Deputación da Coruña e o concello, unida á vontade dos propietarios do cruceiro que cederon as pezas conservadas, fixo posible a recuperación deste orixinal expoñente da arte popular.

    O cruceiro, construido no século XVIII, presenta singularidade con respecto a outros elementos da época. Entre elas, o peto das ánimas, peza que non se conserva en moitos cruceiros da zona. Tamén destacan os restos da policromía, datada posiblemente xa no século XIX, e as inscricións na base e na columna que permiten coñece-la súa historia.

    Segundo os datos recabados polo concello, este cruceiro experimentou tres traslados consecutivos. O executivo municipal optou por devolvelo ó seu lugar orixinal e non descarta que nun futuro se poidan acometer melloras no entorno para poñer en valor esta peza artísitca.

    Esta actuación enmárcase nun programa de recuperación dos elementos patrimoniais iniciado polo goberno local dende hai anos no que se inclúe a restauración dun total de dezaoito cruceiros, máis a construción dun novo no parque do Castelo.

    O proxecto foi elaborado pola restauradora Isabel Rey e o encargado da súa execución foi o canteiro sonense, Juan Cabezas.

    Redacción Barbanza