Tragsa iniciará a rexeneración das Xunqueiras o próximo luns

    POBRA> A próxima semana darán comezo as obras de rexeneración das marismas das Xunqueiras. A actuación, financiada integramente por Costas, suporá un investimento dun millón setecentos mil euros. Estará rematada no prazo máximo dun ano. Tras anos de tramitacións e trabas burocráticas por fin dará comezo o próximo luns a tan ansiada rexeneración das marismas das Xunqueiras. A actuación, cun orzamento dun millón setecentos mil euros, suporá o saneamento das marismas. Inclúe tamén a reparación da pasarela do paseo marítimo coa súa nivelación na zona do Areal así como a mellora nos accesos ó colexio Salustiano Rey Eiras. Mentres a empresa Tragsa executa esta actuación, financiada polo Ministerio de Medio Ambiente, o concello da Pobra traballará no proxecto de recuperación das antigas fábricas da zona. A súa posta en valor está condicionada a atopar financiamento que permita preservar estas instalacións que forman parte do patrimonio histórico da vila. Os traballos de saneamento estarán concluídos nun prazo de entre oito e doce meses.