O BNG de Boiro propón bonificacións no pago do IBI

    BOIRO> O BNG de Boiro propón unha serie de bonificacións no pago do IBI para aquelas familias que cumpran determinados requisitos. Consideran que a flexibilización de poder realizar o pago en tres prazos, aprobada polo goberno, é insuficiente. A proposta de flexibilizar o pago do IBI, aprobada polo executivo boirense, non satisface ó BNG que aposta por introducir unha bonificación do cincuenta por cento en determinados supostos. Nas alegacións presentadas polos nacionalistas propoñen que queden exentos da metade do pago as familias numerosas cunha renda inferior ó dobre do IPREM. A mesma bonificación propoñen para as vítimas de violencia xénero, xubilados e persoas cunha discapacidade superior ó sesenta e cinco por cento con ingresos inferiores ó IPREM. Con respecto ás facilidades de pago, dende o BNG apostan por establecer o primeiro trimestre do ano para o pago do IBI e o segundo para aboar o imposto de vehículos de tracción mecánica, de xeito que os contribuíntes dispoñan dun período máis amplo e flexible para aboar os impostos.